O festival galego para a mocidade emigrante en Bruxelas

O EmigraSON é o primeiro festival galego feito por e para a mocidade emigrante en Bruxelas. A iniciativa, organizada por sete rapaces e rapazas de Galicia afincadas na cidade belga, busca levar a cultura, tradición, música e vangarda á capital europea.

Na súa segunda edición, celebrada os días 8 e 9 de marzo de 2024, Galicia reivindicouse a 1.300 kilómetros de casa enchendo o corazón da Unión Europea de música galega.

Grande Amore, The Rapants, Lontreira, Ataque Escampe e Catuxa Salom foron os encargados de facer vibrar á comunidade emigrante en Bruxelas na xornada de concertos do día 9.

O festival completou a súa programación o día 8 cunha sesión de poesía musicada con Aldaolado no Instituto Cervantes e cunha noite de foliada da man de Alumea, unha formación de baile e música tradicional creada na diáspora.