EDICIÓNS

O EmigraSON no 2025

A terceira edición do EmigraSON, que tivo lugar os días 21 e 22 de febreiro, reafirmou o seu papel como un punto de encontro para a mocidade galega no estranxeiro e un impulsor para levar a cultura galega ao corazón de Europa.

Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Terbutalina e De Ninghures fixeron vibrar á sala La Madeleine, que se converteu nun auténtico campo da festa a máis de 1.300 km de Galicia. Unha mestura de nacionalidades e de galegos procedentes de ata unha quincena de países reivindicou que “non hai fronteiras” na cultura galega, nunha noite de emoción, suor e lágrimas.

Como cada ano, a xornada previa aos concertos tamén deixou unha pegada memorable. Na Salle 1180, preto de 400 persoas gozaron dunha foliada tradicional da man de Lume de Biqueira, unha banda de gaitas chegada de Madrid, e do mellor da música galega cos Duendeneta Dilleis.

O EmigraSON no 2024

A segunda edición, celebrada os días 8 e 9 de marzo de 2024, enchou o corazón da Unión Europea de música galega da man de Grande Amore, The Rapants, Lontreira, Ataque Escampe e Catuxa Salom.

O festival completou a súa programación cunha sesión de poesía musicada con Aldaolado no Instituto Cervantes e cunha noite de foliada da man de Alumea, unha formación de baile e música tradicional creada na diáspora.

A primeira edición

O festival galego en Bruxelas celebrou a súa primeira edición durante o 24 e 25 de marzo de 2023. Familia Caamagno, The Rapants, Fillas de Cassandra, Berto e Filloas conformaron o cartel da súa primeira edición.

Unha sesión de música e oralidade, a cargo de Benxa e Celso Otero no Instituto Cervantes, e unha foliada da man de Alumea e Xirandola completaron o cartel do 2023.